O fouciño
Escrebe Calidonia no seu blog o que el considera a mellor anotación do “universo” galego de blogs, dentro dos premios quel otorga ao mellor e peor do ano 2008.
Naqueles tempos no que este espazo non existía, engadín unhas entradas como Xabier naquela noticia-anotación que con humor conectaba a vida moderna, o comunismo e a inexistencia de fouciños, o campo moderno improductivo e todo o que o rodea.
Pois lembrando aquela noticia, vou esparramar un pouquiño.
O menda, o que escrebe, parece ser que ten a súa residencia familiar dun dos concellos con maior calidade de vida; bueno eso din…. Xa non so no económico “contrastado”, senón nos comentarios que a xente fai dun xeito intuitivo.
Xa se sabe, Bergondo, terra de xoiería. Quen non ten un parente que se adique a esa anterga profesión? Balcarsa, O Ferreiriño, Os Malde, Os Blanco, e toda unha tropa de persoas anonimas que xeraron a fama e riqueza desta bonita terra dandolle un día tras outro ao ouro, plata, diamantes, zafiros… co martelo.
Esa terra chea de casa nobiliares, de pazos, como o coñecido de Mariñan. Sen ir máis lonxe, ao lado da miña casa, tres, con bula papal incluída para que Merceditas e Ricardo puidesen casar e non se lles esparcise o capital. Magoa que daquelas meus pais non se decidiran finalmente a mercar un deles e que despois foi parar a mans dunhas primas da Roquita que chegaron da Coruña. Agora podería presumir de pazo.
As súas Praias, a Cabana, O Pedrido, O Regueiro, Gandarío…
Quen non coñece Gandario??? co seu campamento. E si, o que antes se chamaba “Campamento de la Marina Española” tamén está no Concello de Bergondo, por moito que lles foda aos de Sada.
Froita e horta, moita… coa escola de Capacitación Agraria de Guisamo, coas súas 317 variedades de mazá galega catalogada (disque as que hai en todo o país).
As igrexas co Convento como simbolo representativo.
E o seu dinamismo económico, co polígono de Guísamo.
Bergondo, ese frondoso berxel!!!
Máis co tempo o Berxel foi esnaquizandose, foi engulindose así mesmo ledo de facelo baixo ese novo sigificado que o ladrillo lle diu á palabra “modernidade”.
As fábricas de xoiería pecharon. O que non nos contaran é que a xente que a montara o que fixeron foi un centro de formación. Aínda que eu catalogo como unha fábrica encuberta coa que se fixeron ricos mentras que a administración lles pagaba aquel negocio onde se contrataba persoas con diversidade física. Agora podedes seguir vendoa, un edificio de cristal, verde enorme, valeiro…
Merceditas e Ricardo venderon as propiedades. Pouco lles queda dos pastizais de cando a granxa de vacas. De pequenos iamos rouvarlles as castañas… como se non o souveran. Chegabamos co botín á casa, co peito enchido, despois de que Pedro (o “criado”) nos fixese correr un pouco para a nosa ledicia e a del.
En Moruxo xa non quedan cerdeiras. Bueno algunha. Agora os “coruños” (variedade humana invasora) xa non van a elas. Xa non poden soltarche aquela máxima comunista de “pero si esto está aquí en la finca, es de todos, hombre”. Aquela interpretación do comunismo que se facía en plena Rusia Chica defendida no seu momento polo anterior inquilino fascista do Colmenar, sempre esquecía a primeira parte: “A terra para quen a traballa” ao igual que a caspa á que Reixa lle cantaba na súa opereta. Miña tía deixou tamén as cebolas e patacas. Bueno, e o mainzo e o resto…. Miña tía e o resto da veciñanza. A terra non da e a ril e medio o ferrado….sempre podes pensar nun cogumelo-casa. E falo da miña tía porque era o centro neuralxico da liña familiar. Aínda que na familia sempre fomos xente rara; en vez de vender, comprar. A última foi a miña tía. Unha leira dun tío (irmá de miña nai) que nunca coñecín e que morreu en Venezuela.
Na aldea de abaixo até Anita vendeu o burro. Anita e o burro eran como dous simbolos cando eramos pequenos. En Moruxo de seis casas, seis tiñan burro. Pero o de Anita era especial: era blanco, como os dos debuxos animados. Claro que o dos debuxos non tiña tan mala hostia como aquel de carne e oso. Calquera lle facía as putadas que lle faciamos ao burro de Toñita.
Dende anos atrás, os burros non tiñan outro uso que o de rozadores naturais das leiras que se ían deixando. Máis seguían nas casas.
Pablo e o irmá tamén deixaron a granxa que tiñan ao lado do Pazo de Marián, e Eulogio e a muller disque pronto se retiran e voltan á súa casa en Lugo. Corenta anos levando a granxa de vacas de Romay Beccaría. Non sei canto lle quedará ao Faraldo…
A terra non da pero o ladrillo si. Carto rápido para comprarlle o coche ao neto.
E a paisaxe vaise tranformando a medida que chegan os coruños. Antes so ían aos campings, aos sete ou oito que temos entre Gandarío, Santa Marta e o Pedrido. Pouco a pouco foron extendendo as súas gadoupas-casa. Descubriron o paraiso terrenal a ril e medio o ferrado (450m). Colectivizaron a produción, bueno o seu consumo. Xa o dixen antes, sempre se lles esqueceu a primeira parte do conto. A terra para quen a traballa.
Os garabanzos (chicharos) da leira de Pepe de Rocha, un día desapareceron e diron lugar a unha casa. Despois, a Pajarita, disque lle tiña que mercar un piso ao fillo en Sada. Ala vai outra casa. O cebolo morreu, e deixou de meterlle merda de galiña á leira, e no mesmo ano saiulle unha casa.
Bueno, non foron os únicos…
E así… Bergondo foi tranformando, pasou do cultivo de horta ao cultivo de casas.
E claro, a esas casas saironlle cousas ao redor porque ao fin os coruños so residen nos cogumelos-casa na fin de semana. E para desfacerse desas cousas verdes que medran, os coruños utilizan un extrano aparello que empurran e que mete un ruído insoportábel. O que cuspe para fora aquel aparello non deve ser moi bo, porque remataba a súa existencia en comaros e balados varios que xa non tiñen utilidade. Ou en contentores do lixo. Prohibido depositar herva…
E mentras os coruños ían medrando en número (e medran e medran e medran e medran), un transformouse en desertor do arado emigrando a Compostela. Disque a estudar.
Pasaron os anos, e ao aquí presente comezaronlle a cheirarlle demasiado os cogumelos-casa que se esparcían ao redor do seu espazo primixenio antes rodeao de cousas coñecidas. Ao principio pensei que polo cheiro da inexistencia de (depuradoras) recollida de merda (lixo), ou polas dúas horas e pico que podía chegar a levarme o traxecto dende Santiago ao fogar filial, ou polo medo de camiñar por un arredor transformado en autroestada de camicaces bañistas de retorno ao fogar, dun dos “mellores concellos de Galiza”. Cada día as cousas ían de mal en peor. Eran varias as razóns que eu tiña en mente que sumaban desacougo.
E daquelas, nun momento dado da miña vida decidín retornar ás orixes. Eu sempre gostara da “aldea”, ese termo co que o coruñesismo patrio localista Paco Vazquiano1 designa a casa dos avós, aos que visitan os fins de semana para levantarlles biandas varias (chourizos, patacas, xudías, chicharos, cenouras, mazás) transformandose así nun dos complementos principais da súa economía, o que lles permitía enviar aos seus fillos a un colexio privado coruño. A única desvantaxe da aldea que o coruño lle vía á aldea, e que xeralmente había algunha que outra bosta no medio dun prado.
Máis a miña “aldea” xa non tiña o espazo necesario para poder voltar (as leiras xa andaban polos dous riles e medio o ferrado) e facíase difícil comezar o proxecto en mente; as terras familiares estaban demasiado diseminadas para facelo. Aínda que meus pais vian con vos ollos o proxecto2 .
Houvo entón que emigrar de desertor aldeano picheleiro a terras Vedrenses, a Campiña Compostelana.
Alí a cousa foi diferente. Coñe!!! pero se ata tiña unha granxa de vacas ao lado da casa!!!.
A persoa máis importante da zona era a irmá de Fraga que decidira ir vivir á campiña santiaguesa.
Vedra podía ser un bo sitio, ou polo menos pola zona onde asentamos o campamento base.
Pois nada, fumos ao concello, concederonos un proxecto de emprego local e montamos unha cooperativa.
Dironnos un anaco de terra (o concello) para explotar o viveiro muicipal e tamén cederonnos a estación de tren de Rivadulla como local social e da “empresa”.
Constituimos “Cooperativa de traballo asociado Terra da Ulla”, e con esas fumos ao Supermercado o Terrón e mercamos unhas cantas palas, picos, dúas carretillas, lubas, gadañas, gabillos, e fouciños e material de construcción (bueno, eso en Magan); deste xeito, e co escaso millón de pesetas da época montamos a cooperativa. Moito traballo manual houvo alí. Lembro que o día das “torres xemelgas” estabamonos comendo un bocata no bar “O terrón” (O terrón, un emporio económico en Vedra, con panadería incluída) mentras faciamos os cimentos para a nave.
Chegaron os primeiros choios e as furgonetas, e por suposto a maquinaria pesada: as desbrozadoras!!! daquelas deveciamos por unhas husqvarna, pero tivemos que contentarnos cunhas Still. Desbroce manual dicía a propaganda que nos fixera Ramiro. Co tempo traballo e esforzo incluso nos diron un premio disque á “Innovación cooperativa”. Eu supoño que foi por convencer á xente que no “xardín” era mellor utilizar sulfato natural de maceración por iso de que as crianzas non tragasen toda a merda, ou ao mellor foi polo da certificación forestal…
E pasando o tempo, e aínda que un non estaba preparado para ter descendencia, foi camiñando cara outros intereses persoais. Algúns deixamos aquela descendencia xa criada preparada para andar soa e voltamos a deserción do arado picheleiro a comezar outros proxectos.
Na comoda vida na aldea grande picheleira, un deixou de pensar nos cogumelos-casa e no outono convencido de que a volta retrasariase o suficiente como para non ter que soportar a sensación da asfixia das casas-cogumelo.
Non sempre a un se lle cumplen os desexos, e circunstancias fixeron que tivese que ver con máis asiduidade as casas-cogumelo.
E foron esas circunstancias da vida as que fixeron que me dise conta de que era o que odiaba daquela zona que consideraba o meu espazo vital…OS CORTACESPEDES!!!
Esacto, a campiña santiaguesa non posuía casas-cogumelos, polo que tampouco tiña coruños, esa variedade humana que ten como amigo fiel unha máquina que prende os sábados polas tardes e os domingos polas mañás dos días como hoxe, calmos e despexados, e coa que reventa o aire co seu extridente ruido, monotono, cansino… Insoportábel.
O outro día pola mañá o domingo, ás dez, o meu querido veciño coruño decidiu poñer o seu cortacespede en marcha. Non o conto como un chiste, foi verdade.
Nunca cheguei a pensar que a gran aldea pichelira fose máis tranquila un domingo que a “aldea” bergondesa. En fin chegou a modernidade, e con ela so me queda dicir: VIVA A FOUCE E O MARTELO!!!. VIVA A RUSIA CHICA!!! VIVA O COMUNISMO. A terra para quen a traballa, como a caspa.
——————————————————————————
Esta anotación final reflexa a situación dun concello “prospero” e “moderno” como Bergondo. Agora a xente laiase. En Bergondo, pola zona onde vivo (a máis “bonita”), non queda ninguén; prácticamante non coñezo xente, e nin falar de xente “nova, nenos e nenas, deses non hai
Bergondo é un inmenso dormitorio de “coruños” residentes que fan a súa vida na cidade e que pasan o fin de semana empurrando polo cortacespede.
Á xente de Bergondo non lles quedan leiras onde poidan construir os seus fillos, nen cartos para comprar leiras a tres riles/ferrado. É un lugar de xente extrana.
Tal vez o máis esperpentico que podes ver nun lugar como Bergondo, son os carros das vacas, ou incluso algún horreo no xardín dun cogumelo-casa. Lembro o día que un coruño foi á casa da miña aboa a dicirlle á miña tía se lle vendía o carro das vacas. Escachamos coa risa.
E como en todos os sitios onde hai xente extrana, xa non hai festas nen romerías.
Como di unha “pintada” na costa de Gandarío (chamada o monte de Moruxo) onde se fumaban os porros: “Hip Hop don’t Stop” rematada coas verbas dun extranisimo caso de coruño mutado a persoa norma e colega meu: “pero vai parando”.
A ver se algún se cumple ese designio e a “modernidade” para dunha vez.
——————————————————————————-
1 Paco Vazquez: individuo antes alcalde coruño, reconvertido nestes intres a labouras máis espirituais e menos terrenais. Entre as labouras terrenais desenvolvidas no pasado están o seu chalet a pe de praia en Gandarío, simbolo da prosperidade e modernidade. Outras moitas labouras terrenais so son coñecidas polo cura que o confesa.
2 Un sinte orgullo de que as leiras da casa estean sempre limpiñas. Pero costa, e cada vez máis. Pouca xente tes que che pase a máquina para fresar.
nota: este texto fixose de corrido. Supoño que irei mellorandoo co tempo. Ou non.
Deixa unha resposta